O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras e recentemente nomeado presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, mantivo este luns un encontro con Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, para analizar a aposta da Xunta polo enoturismo na comarca e os diferentes programas de promoción nos que o Goberno galego leva colaborando nos últimos anos.
Ao remate da xuntanza, Prada Ginzo valorou positivamente o encontro, destacando que as iniciativas presentadas recibiron unha excelente acollida por parte de Turismo de Galicia. “Temos o seu compromiso de facer o posible para poñelas en marcha”, asegurou.
Investimento en dixitalización e promoción da Ruta do Viño
Pola súa banda, Xosé Merelles puxo en valor os 1,5 millóns de euros destinados ao plan de sostibilidade turística en destino, que contempla medidas específicas para a dixitalización e o impulso da Ruta do Viño de Valdeorras. Ademais, lembrou que diversas adegas da zona recibiron axudas autonómicas dentro da convocatoria de proxectos turísticos de enogastronomía, cunha achega de case 400.000 euros.
O director de Turismo tamén destacou a importancia de iniciativas como “Primavera de Portas Abertas”, unha estratexia que se prolongará ata 2030 e que cada ano reúne un maior número de participantes en torno ás distintas rutas do viño de Galicia, incluída a de Valdeorras.
Eventos para impulsar o enoturismo en Valdeorras
Durante a reunión, analizouse tamén a colaboración da Xunta na organización da BTT Ruta do Viño, unha proba deportiva que percorre os concellos que forman parte da Ruta do Viño de Valdeorras. Segundo Merelles, este evento contribúe a fomentar o enoturismo combinando deporte, natureza e cultura, ao tempo que permite descubrir a paisaxe e o patrimonio da comarca.
Outros eventos de referencia como a Bacofesta e as Feiras do Viño e das Covas de Vilamartín e Seadur (Larouco) tamén foron abordados na xuntanza, reafirmando o compromiso da Xunta co sector vitivinícola e co enoturismo como un motor de desenvolvemento para a comarca de Valdeorras.