PREMIOS MUJER 2024

A vendimia en Valdeorras finaliza con preto de 8 millóns de quilos de uva recollidos

Os resultados tanto en cantidade como en calidade son, a xuízo do presidente do organismo, “magníficos”
Fin da vendimia en Valdeorras
Fin da vendimia en Valdeorras. / DO Valdeorras

Coa conclusión dos traballos de recollida da uva en Bodegas Viña Somoza, o Consello Regulador da DO Valdeorras dá por finalizada a campaña de vendima neste 2023. Os resultados tanto en cantidade como en calidade son, a xuízo do presidente do organismo, “magníficos” en tanto en canto “se colleitaron preto de oito millóns de uva de diferentes variedades amparadas”.

A cifra supera en 1,5 millóns á do ano 2022 e, novamente, a uva máis abundante no territorio amparado foi a godello (5,7 millóns recollidos fronte aos 4,3 do ano pasado). Tras dela, sitúase a mencía con 1,4 millóns de quilos de uva producidos en Valdeorras e, a continuación, aparecen outras variedades minoritarias.

Así, por exemplo, de Alicante recolléronse 405.023 quilos; da variedade Jerez, 218.241 quilos; de sousón, 26.512 quilos; de albarello, 24.212 quilos; de tempranillo, 16.244 quilos; de merenzao, 12.329 quilos e de dona branca, 3.088 quilos. Tamén se vendimaron 3.701 da variedade caíño e 920 quilos de mouratón.

Froito dun intenso traballo

En opinión de José Ramón Rodríguez, máximo responsable da Denominación de Orixe, os datos amosan que o territorio amparado “segue a medrar” e que “o interese polo godello aséntase como un dos piares do fortalecemento de Valdeorras”. Para o presidente do Consello Regulador, o incremento no número de quilos vendimados evidencia “o bo traballo que están a facer todos aqueles que realizan a súa actividade no eido vitivinícola na comarca”. Ao tempo, amosouse convencido de que as uvas recolectadas orixinarán “magníficos viños capaces de satisfacer todo tipo de padais”.