O Concello do Barco, Afundación e ABANCA presentan no Barco esta exposición itinerante, un percorrido pola monumental obra de Ruth Matilda Anderson (1893-1983), fotógrafa e etnógrafa da Hispanic Society of America en Nova York, que viaxou por Galicia entre 1924 e 1926. A mostra, que inclúe iamxes tomadas en Valdeorras e nas comarcas veciñas, forma parte do programa Corrente Cultural posto en marcha por Afundación e ABANCA para a difusión cultural polas comarcas galegas en colaboración cos concellos. Será inaugurada o día 7 de novembro ás 19h30 cunha visita guiada e poderá visitarse de luns a venres, de 17 a 20h30, e os sábados de 10h30 a 13h30.
‘Ruth Mathilda Anderson. Unha mirada de antano’, é o título dun ambicioso proxecto que mostra as impresionantes imaxes da Galicia de comezos do pasado século, case todas inéditas ata esta montaxe, procedentes do arquivo novaiorquino da investigadora. Os comisarios da exposición, Miguel Anxo Seixas Seoane e Patrick Lenaghan, resolveron un longo proceso que comezou na sede da Hispanic Society of America, a centenaria institución cultural que enviou a Ruth Mathilda Anderson (1893-1983) a estudar e documentar a sociedade galega da época.
Do total do arquivo (unhas 5.000 imaxes en diferentes soportes e formatos, moitas delas aínda sen revelar ou positivar), ata agora tan só se coñecían as preto de cincocentas fotografías que compoñen ‘Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña’, o libro editado en 1939 pola Hispanic Society co traballo de Anderson.
Con esta mostra, todos os afeccionados á fotografía e, sobre todo, á historia, á antropoloxía e á etnografía, han poder gozar dunha escolla destas imaxes, a gran maioría –un 85%, aproximadamente– inéditas ata hoxe, que amosan a vida dos galegos na década dos anos vinte do pasado século, e que se agrupan baixo diferentes epígrafes temáticos e que están recollidas nun catálogo de altísimo interese.