PREMIOS MUJER 2024

O Barco, sede do Campionato de España de descenso de augas bravas e Copa de España de augas bravas

Os días 25 e 26 celébranse distintas competicións de piragüismo en augas bravas no río Sil

As competicións comezarán o sábado día 25 ás 15:30 horas, co Campionato de España de Descenso de Augas Bravas na modalidade clásica individual, que tamén é Campionato Galego de Descenso de Augas Bravas.

A saída está marcada na localidade de Éntoma, e a meta na pasarela verde que cruza o río Sil no centro do Barco de Valdeorras. Ás 18:00 horas darase a saída para a modalidade de patrullas clásica, cun percorrido de catro quilómetros. Equipos de 3 deportistas compiten conxuntamente, debendo chegar os tres á meta para poder puntuar.

O domingo día 26, ás 10 da mañá, dará comezo a Copa de España de Augas Bravas na modalidade de Sprint individual. Cun percorrido de 500 metros, terá a saída nas Cortes e chegada na zona de baño do Cachón. Nas competicións están inscritos deportistas de toda España. Os equipos máis numerosos son os de Cataluña, Euskadi, Asturias, Galicia e Castela e León. O Fluvial O Barco, club que organiza estas probas, participa con 15 padeeiros, nas categorías cadete, junior, senior e veterano.