PREMIOS MUJER 2024

José González destaca o importante crecemento da agricultura ecolóxica na nosa comunidade nos últimos anos

O conselleiro puxo en valor o incremento do 33% no volume de vendas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá en Boqueixón na presentación do informe de actividade de 2018 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), onde destacou o importante crecemento desta produción na nosa comunidade nos últimos anos.

Así, o conselleiro sinalou que a produción ecolóxica xa non é unha moda pasaxeira nin minoritaria, senón unha actividade cun importante nicho de mercado que cada vez cobra máis forza. Neste senso, puxo en valor o incremento do 33% no volume de vendas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano. Uns datos, engadiu o titular de Medio Rural, que evidencian que o consumo de produtos ecolóxicos non deixa de medrar, tanto no número de compradores como na frecuencia coa que se mercan este tipo de produtos.

José González, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, felicitou tamén aos responsables do Craega polo seu traballo e esforzo, xa que lograron trasladar esa imaxe de sector produtivo rendible ao resto de produtores, conseguindo que a día de hoxe a superficie inscrita medrara nun 5,8% no último ano ata contar con preto de 34.000 hectáreas certificadas.

Un labor, matizou o conselleiro, que tamén vai da man da Xunta a través do Plan estratéxico da produción ecolóxica de Galicia, que ten en marcha a consellería para incentivar a elaboración e transformación deste tipo de produtos, así como respaldar a súa comercialización e fomentar a súa promoción.

Nesta liña, José González destacou a necesidade de apoiar a vertebración e organización do sector ecolóxico, xa que encaixa nos principios establecidos pola Unión Europea a prol dunha agricultura sustentable e con futuro. Así, o conselleiro avanzou que se vai crear unha mesa de produción ecolóxica co sector, que se convocará este trimestre.

Máis peso no mercado

O titular de Medio Rural tamén destacou o aumento de operadores certificados nun 8% no pasado ano, ata chegar aos 1.152, e salientou que case o 38% deles corresponden á produción vexetal, mentres que na produción animal se encadra preto do 33%. Así mesmo, e no que atinxe ao número de elaboradores, os datos de 2018 recollen que o incremento foi dun 20%, un claro indicativo de que o ecolóxico adquire cada vez máis peso no mercado tanto nacional como internacional.