PREMIOS MUJER 2024

O Hospital Público de Valdeorras ofertará 21 prazas de especialistas por concurso de méritos

A Xunta convocará un total de 87 prazas de persoal especialista na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco
Hospital de Valdeorras
Hospital Comarcal de Valdeorras. / Casasolo

A Xunta de Galicia convocará 87 prazas de persoal especialista na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, no marco dunha oferta pública de emprego de máis de 400 prazas,  pola vía de concurso de méritos sen examen, ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias, para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada en outubro polo Parlamento de Galicia, co obxectivo de dar resposta ao déficit de determinadas especialidades, en hospitais comarcais e centros de saúde, que quedan vacantes en convocatorias de emprego ou concursos de traslado.

A innovadora iniciativa xa se aplicou con éxito o pasado ano, para facilitar o acceso de persoal médico de atención primaria, o que permitíu a máis dun centenar de profesionais -21 en Ourense-  acceder a unha praza fixa nun centro de saúde, e aos seus usuarios beneficiarse da continuidade asistencial.

A nova convocatoria, mediante concurso de méritos, ofertará 28 prazas fixas ou en propiedade, nas categorías de facultativo especialista de atención primaria e pediatría de atención primaria en vinte centros de saúde da provincia; asi como 39 de especialidades médicas, cirúrxicas e de farmacia nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras; ademais de 20 prazas de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista de saúde mental vacantes, vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia nos tres centros hospitalarios da provincia.

Persoal médico para os Centros de Saúde

Por centros convocaranse 23 prazas persoal médico de atención primaria, tres no Centro de Saúde de O Carballiño,  dúas nos de Pobra de Trives, A Rúa e O Barco de Valdeorras, e unha en Coles, Xinzo de Limia, Punxín, Calvos de Randín, Nogueira de Ramuín, Carballeda de Valdeorras, Lobeira, Lobios, Irixo, Verín, Cualedro, Viana do Bolo, A Gudiña e A Mezquita.

Atención Primaria igualmente sumará cinco novos especialistas en pediatría, dous con praza no Centro de Saúde de Verín, e os tres restantes nos centros de Maceda, O Barco de Valdeorras e no Centro de Saúde de A Ponte, en Ourense.

No Hospital de Verín convocaranse 20 prazas de persoal especialista, dezanove deles facultativos: Catro de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, tres de cirurxía xeral e do aparello dixestivo, tres de medicina interna, tres de medicina de urxencias, dous de pediatría, e un de análises clínicas, oftalmoloxía, reumatoloxía e endocrinoloxía; ademais de unha enfermeira especialista en saúde mental vinculada ao Plan de Saúde Mental.

Pola súa parte o Hospital Público de Valdeorras ofertará 21 prazas de especialistas, dous de cirurxía xeral e do aparello dixestivo, de medicina interna, medicina de urxencias, de xinecoloxía e obstetricia, farmacia hospitalaria e hematoloxía e hemoterapia; e unha de pediatría e áreas específicas, oftalmoloxía, otorrinolaringoloxía, endocrinoloxía e nutrición, radiodiagnóstico, dermatoloxía médico-cirúrxica e veneroloxía, microbioloxía, medicina de hospitalización a domicilio (HADO); ademáis dunha praza de enfermeira especialista en saúde mental.

No que respecta ás prazas de saúde mental ofertaranse 20 prazas. Unha de especialista en  psiquiatría e catro de psicólogo clínico, no Hospital Universitario de Ourense, e quince de enfermeiras especialistas en saúde mental. Delas unha en cada hospital público de Verín e Valdeorras e o resto tamén en Ourense.