Un grupo de 17 formadores de viño de diversas partes do mundo achegouse os días 25 e 26 de setembro ao territorio amparado pola DO Valdeorras para coñecer de primeira man a súa tradición vitivinícola. Os profesionais, procedentes de catro continentes, tiveron a oportunidade de visitar dúas adegas da comarca e explorar as súas instalacións e viñedos, cun percorrido guiado polos responsables das mesmas.
O presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, destacou a importancia desta visita, subliñando que estes formadores “son os prescriptores máis importantes de viño de todo o mundo”, e que a súa presenza en Valdeorras supón un verdadeiro privilexio para a rexión, xa que axudan a difundir o que se fai na comarca a nivel global.
Os visitantes tamén gozaron dun túnel do viño dirixido por Jorge Mazaira, director técnico da DO Valdeorras, no que degustaron unha ampla variedade de marcas locais. O evento incluíu unha cata de produtos típicos da zona, como embutidos, queixos e empanadas, seguida dunha comida acompañada por unha nova selección de viños.
Ryan Robinson, formador e estudante de Master of Wine de Connecticut (EE.UU.), describiu a súa experiencia en Valdeorras como “enriquecedora e de continua aprendizaxe”, destacando non só os viños degustados, senón tamén o coñecemento adquirido sobre a historia vitivinícola da comarca.
A visita forma parte dunha experiencia enolóxica homologada pola Wine Scholar Guild, que inclúe paradas nas cinco denominacións de orixe de viño de Galicia e no Consello Regulador das II.GG. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. A seguinte parada dos formadores será a DO Rías Baixas.