PREMIOS MUJER 2024

A Festa do Botelo reuniu a máis de 2.100 participantes entre o pavillón e os restaurantes locais

O evento contou cun emotivo homenaxe, o humor do actor David Amor e as tradicionais xornadas gastronómicas arredor do botelo
El alcalde de O Barco, Alfredo García, en la comida del pabellón.
El alcalde de O Barco, Alfredo García, en la comida del pabellón. / Festa do Botelo

A XXIII edición da Festa do Botelo reuniu este ano a máis de 1.300 comensais no Pavillón Polideportivo de Calabagueiros, onde tivo lugar o xantar oficial. Ademais, outras 800 persoas ocuparon as prazas dispoñibles nos 11 restaurantes participantes nas IV Xornadas do Botelo e o Cocido, organizadas para degustar o famoso embutido típico do Barco. O concello invitado nesta ocasión foi A Fonsagrada, representado polo seu alcalde, Carlos López, quen destacou as semellanzas gastronómicas entre ambas localidades e a relación entre o botelo e o butelo, produto estrela da Feira do Butelo de A Fonsagrada.

Os actos da Festa comezaron ás 12.00 no Teatro Lauro Olmo, cunha homenaxe á cociñeira Virginia Gómez, que leva 40 anos rexentando o Bar Bambú, un establecemento emblemático no Barco e en toda a comarca de Valdeorras, coñecido polas súas especialidades gastronómicas e os seus almorzos dende primeira hora da mañá.

O actor e humorista David Amor foi o encargado de dar o pregón, arrincando gargalladas do público co seu estilo desenfadado e próximo. Durante a súa intervención, Amor bromeou sobre a importancia de celebrar unha festa coma esta despois das datas de Nadal. “Aquí non hai autoenganos, como iso de coidarse ou ir ao ximnasio. Aquí viñemos comer ata sair rodando, se pode ser”, asegurou entre risas. O pregoeiro tamén destacou o sentido e a autenticidade da celebración, ao ser unha festa que exalta un produto do interior e que se celebra no corazón da comarca.

O acto foi presentado polos locais Guti e Mari Carmen, e contou coa actuación musical de Nerea Jiménez e Carlos Girona, membros da Asociación de Músicos de Valdeorras. O ambiente estivo cargado de humor, con Mari Carmen como unha das protagonistas destacadas do evento.

A partir das 14.30 horas celebrouse o esperado xantar popular no Pavillón de Calabagueiros, onde se serviu o tradicional menú de botelo acompañado de chourizos, patacas e repolo. En total, os participantes degustaron 900 quilos de botelo, 200 de chourizos, 250 de patacas e 300 de verdura, todo regado con 900 botellas de viño tinto do Barco. Para a sobremesa, preparáronse 60 tortas de roxóns e 80 bicas, mantendo o espírito tradicional da festa.

A animación musical continuou pola tarde coas tradicionais cantos de taberna, que se celebraron en nove bares da localidade. Seis grupos —Somontanos, Os do Venres, Macizas Centrais, Monistreles, Os Trimendos e a Foliada de Bosende— encargáronse de encher as rúas do Barco coa súa música e alegría, mantendo viva esta tradición popular.

O domingo 19 de xaneiro, o peche da festa correu a cargo de Budiño, que actuou no Teatro Lauro Olmo, pondo o broche final a esta XXIII edición da Festa do Botelo, que se consolida como un dos eventos gastronómicos e culturais máis importantes da comarca.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *