A organización da XXIV Feira do Viño de Valdeorras, a cargo do Consello Regulador, valora a ampla acollida das diferentes actividades programadas ao abeiro do foro, así coma o respaldo popular ao evento. Neste sentido, dende o organismo calcúlase que o incremento de asistentes superou nun 5% ao rexistrado en 2022 e a cifra final de visitantes acadou os 8.400. “Trátase dunha das edicións máis concorridas que se recordan”, afirma o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos.
Particularmente exitosas foron as catas populares que, na mañá de onte domingo, se desenvolveron no interior da Casa Grande de Viloira. Pero tamén houbo unha grande afluencia noutras actividades tales como o obradoiro de cociña infantil ou a cata de viños valdeorreses maridados con queixos das diferentes denominacións de orixe galegas. Os concertos e actuacións musicais que se celeberaron na praza de Viloira tamén congregaron a numeroso público.
Respaldo institucional
O presidente do Consello Regulador destaca, ademais, o amplo respaldo institucional acadado nesta edición do evento, pois por vez primeira un presidente da Xunta participou no acto inaugural da feira. “Quero trasladarlle o agradecemento do noso organismo a Alfonso Rueda e ao resto de autoridades que participaron ou asistiron ao acto tales como o conselleiro do Medio Rural, o director da Axencia Turismo de Galicia, o alcalde do Barco e os numerosos rexedores e representantes políticos da comarca”, indica.
Xunto a isto, Rodríguez Castellanos pon en valor a elevada expectación que provocou o pregón a cargo do escritor e xornalista Manuel Jabois, xa que centos de persoas se deron cita na Praza de Viloira para escoitar “un emotivo discurso que constituíu un verdadeiro canto de amor ao viño, á terra e á vida mesma”.
Actividades desenvolvidas polo grupo de prensa especializada
Por último, o presidente do Consello Regulador pon o foco na ampla difusión mediática acadada nesta edición da feira, repercusión que seguirá incrementándose nos vindeiros días cando o grupo de xornalistas especializados de diversas partes de España que visitou o territorio amparado, coincidindo coa celebración do foro, publique as súas informacións nas diferentes cabeceiras para as que traballan.
Este grupo, composto por media ducia de profesionais, coñeceu o Mosteiro de Xagoaza (Godeval), onde tivo ocasión de cear o primeiro día. Tras facer noite no Hotel Pazo do Castro, ao día seguinte os xornalistas desprazáronse ata a sé do Consello Regulador, lugar no que participaron como expertos no panel que avaliou as diferentes referencias presentadas a concurso dentro da XXIV Cata Oficial dos Viños de Valdeorras.
Con posterioridade, visitaron en Seadur a adega Pago de los Capellanes e xantaron na Cova da Xabreira. Ao finalizar, desprazáronse ata Córgomo para coñecer as instalacións da adega Guitián y Blanco e a súa contorna. Finalmente, na xornada do venres acudiron ao acto de entrega de premios dos mellores brancos e tintos de Valdeorras do ano, celebrado no Complexo Hostaleiro Paladium.
Xa o sábado, visitaron a adega O Cepado, en Rubiá. E, finalmente, asistiron ao acto inaugural da Feira do Viño, no Barco, onde puideron percorrer as diferentes casetas das adegas que participaron no foro.