PREMIOS MUJER 2024

O Consello Regulador acorda adiantar a celebración da Feira do Viño

Terá lugar na fin de semana do 1 e 2 de xuño para que non coincida en tempo e espazo coas tradicionais festas de Viloira
Manuel Jabois fue el encargado de inaugurar la Feria del Vino de Valdeorras
O xornalista e escritor Manuel Jabois foi o encargado de pronunciar o pregón inaugural da Feira do Viño de Valdeorras 2023. / VD

O Pleno do Consello Regulador da DO Valdeorras acordou este venres adiantar unha semana a celebración da XXV Feira do Viño en relación á data inicialmente anunciada. Tal e como destaca o presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos, “esta decisión tómase para que o foro máis relevante de cantos se celebran no noso territorio amparado de cara a poñer en valor os nosos viños non coincida en tempo e espazo coas tradicionais festas de Viloira”.

A comisión de festas de Viloira anunciou a decisión de retomar as celebracións, que non se festexaban dende antes da pandemia, con posterioridade a que o Pleno do Consello Regulador fixara a data para a nova edición da Feira do Viño, que se adianta un mes con respecto ao tempo no que habitualmente adoitaba celebrarse.

Deste xeito, a Feira terá lugar os días 1 e 2 de xuño. “Queremos que a Feira sexa protagonista absoluta en Valdeorras, nun ano moi especial, posto que acada a súa edición número 25. Por iso, prepararemos unha potente axenda de actos paralelos ligada ao foro que iremos anunciando paseniñamente”, sinalou o presidente do Consello Regulador.