O Concello do Barco presentou a ‘Receita Deportiva’, unha innovadora iniciativa das Concellarías de Deportes e Sanidade que busca fomentar a práctica deportiva entre os veciños a partir desta semana. Este proxecto, que se vén desenvolvendo durante os últimos dous anos, conta coa colaboración do Hospital Comarcal Valdeorras e do Centro de Saúde, onde médicos e enfermeiras serán os encargados de “receitar” exercicio físico aos pacientes, sempre de acordo coas súas condicións de saúde.
A ‘Receita Deportiva’ permitirá aos facultativos prescribir actividades deportivas adecuadas para cada paciente, contribuíndo así á mellora da súa saúde e calidade de vida. Os médicos disporán de talonarios impresos con dúas modalidades (para nenos e mozos e para adultos) que incluirán as distintas opcións deportivas dispoñibles no Barco. O paciente recibirá unha “receita” coa actividade recomendada para a súa situación específica.
Durante a presentación do proxecto, o alcalde, Alfredo García, subliñou o carácter pioneiro desta iniciativa en Galicia, destacando que “non existe un programa similar en toda a comunidade”. O xerente do Distrito Sanitario, Alberto Pedrera, expresou a súa satisfacción polo arranque da “receita” e agradeceu ao Concello por esta proposta, asegurando que “os profesionais sanitarios do Barco están comprometidos co seu éxito”.
A coordinadora de Enfermaría do Centro de Saúde, Isabel Navarro, resaltou a importancia do proxecto para os profesionais, que agora dispoñen dun amplo abano de posibilidades deportivas para ofrecer aos seus pacientes, subliñando a relevancia da prevención da saúde na comunidade.
O concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, detallou as múltiples oportunidades que ofrece o Barco en materia deportiva e agradeceu o esforzo de Kissy Torres, técnica de Deportes do Concello, e de Gemma Rodríguez, enfermeira comunitaria, por impulsar esta iniciativa. A ‘Receita Deportiva’ forma parte do ambicioso Plan de Saúde do Barco, que ten como obxectivo converter a localidade en “Cidade Saudable”, segundo indicou o concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra.
Entre as actividades incluídas na ‘Receita Deportiva’ atópanse as Escolas Deportivas Municipais, clubs deportivos, a piscina climatizada, pistas de pádel e tenis, así como circuítos e rutas saudables sinalizadas polo Concello. Destaca a Ruta do Malecón, un percorrido urbano entre o Porto da Barca e a pasarela do Río Mariñán, ideado especificamente para este proxecto. Os veciños tamén terán a opción de participar en actividades de asociacións locais, ximnasios e clubs privados.