PREMIOS MUJER 2024

Comeza a implantación do Plan de Mobilidade no casco vello do Barco

O tráfico de vehículos de tracción mecánica quedará reducido unicamente para residentes e para carga e descarga
Plan de Mobilidade O Barco
Concello do Barco

O luns 28 de febreiro comezará a implantación do Plan de Mobilidade no casco vello do Barco. Nas rúas existentes nesa zona, o tráfico de vehículos de tracción mecánica quedará reducido unicamente para residentes e para carga e descarga.

Co fin de dar prioridade aos peóns e garantir a seguridade vial na zona, o límite de velocidade para os vehículos que circulen polas rúas do casco vello será de 20 kilómetros por hora, e alí onde se implanta o plan circularán tamén bicicletas e vehículos de mobilidade persoal.

No que ten que ver co aparcadoiro dos coches, e unha vez finalizadas as obras de urbanización da praza das Airas, non se poderá estacionar nesta zona. Para facilitar o estacionamento de vehículos aos veciños, o concello habilitou unha zona de parking gratuíto, con capacidade para máis de 30 coches, para dar servizo a toda a zona. Tamén se reubicaron os contedores de lixo, que agora están preto do aparcadoiro.

A Policía Local reforzará nestas primeiras semanas a súa presenza no casco vello, co fin de realizar tarefas de control e información aos veciños e aos condutores e así conseguir unha boa implantación destas novas medidas sen ter que recorrer a sancións.