PREMIOS MUJER 2024

Casa de Bonecas de Ibsen este venres no TLO

Estudo Momento presenta este venres, 13 de marzo (21h), a Iria Ares e Juan Carlos Mejuto nun clásico do teatro realista escrito por Henrik Ibsen, considerado un alegato feminista co paso do tempo

Casa de Bonecas ou “O escándalo dunha muller que marcha da casa”. Así foi considerada na súa época esta gran obra, froito da dramaturxia do pai do teatro realista contemporáneo, Henrik Ibsen, en 1879. Un alegato feminista que se converteu co paso de tempo na celebración da independencia da muller nunha sociedade de homes.

Con Casa de Bonecas o espectador revive o nacemento dunha das maiores heroinas do teatro, Nora Helmer. Esposa e nai perfecta, esconde sen embargo un perigoso segredo, anos atrás falsificou unha firma para conseguir un préstamo.

Cando todo sae á luz, descobre que o seu home non a considera máis ca un obxeto da súa propiedade, provocando un desenlace de escándalo. Esta revisión do clásico, centrada no matrimonio Helmer, crea no espectador a sensación de estar convidado á intimidade do fogar, como se o estivese a ver todo a través dunha ventana indiscreta… Este espectáculo foi galardoado co I Premio Luísa Villalta pola Igualdade concedido pola Deputación da Coruña.