PREMIOS MUJER 2024

‘A camisa’, de Lauro Olmo, convértese nun podcast

O Consello da Cultura Galega e o Concello do Barco de Valdeorras déronlle unha nova vida ao texto cunha adaptación sonora dividida en cinco episodios
A Camisa, de Lauro Olmo, convértese nun podcast

A camisa é unha peza dramática escrita por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922 – Madrid, 1994) que retrata o drama da emigración na pel dunha familia que se traslada a Madrid coa esperanza dun mundo mellor. O barquense retratouna nunha premiada e representada obra que outro escritor, o silledense Ramón de Valenzuela, puxo en galego. A partir desa tradución, o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello do Barco de Valdeorras déronlle unha nova vida ao texto, cunha adaptación sonora dividida en cinco episodios que se distribúe en formato podcast na web do CCG.

A emisión dos capítulos comezou o 25 de marzo e cada venres emitirase un novo episodio ata o 22 abril, data en que se completa o proxecto.

O proxecto, que conmemora o centenario do nacemento de Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza, foi presentado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde, Alfredo García; a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, e máis unha das actrices da ficción sonora, Melania Cruz. O primeiro dos episodios xa está dispoñible no especial “A Camisa”, no web do Consello da Cultura Galega.

Tito Asorey, da Quinta do Cuadrante, foi o encargado da adaptación sonora da historia en cinco capítulos, de entre 12 e 15 minutos de duración. Chus Silva asumiu parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística

Na adaptación en formato podcast de A camisa xúntanse varios feitos destacados. O primeiro deles é que se trata dun texto relevante para descubrir o drama da emigración, que sufriu o propio Lauro Olmo. O barquense está considerado un dos dramaturgos máis representativos do Realismo Social durante os anos da ditadura franquista e das primeiras décadas da democracia. Tivo grande influencia nel a súa muller, Pilar Enciso, coa que escribiu varias obras infantís.

O segundo é que Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914 – Sanxenxo, 1980) é autor da tradución da que se partiu neste proxecto. O silledense representa tamén a memoria do exilio, unha das liñas de traballo do CCG para este 2022. Valenzuela foi un deses homes que contribuíron cun teatro en galego diferente, no que fixotanto achegas actorais, como orixinais da súa propia autoría, é o caso da peza teatral As bágoas do demo, ou a tradución de textos de interese por exemplo os de Lauro Olmo ou Syngel.

A camisa conta a historia de Juan e Lola, un matrimonio que se instala no arrabalde chabolista de Madrid coa súa familia: os seus fillos, Lolita e Agustinillo, e mais a avoa, coa esperanza de prosperidade. Juan non atopa o traballo que ansiaba e nesa infrutuosa procura afloran outros temas como a marxinalidade, o paro e o alcoholismo, nunha España afogada que convidaba ao exilio. A peza dramática escrita por Lauro Olmo sobre os problemas da clase baixa española dos anos sesenta foi publicada en 1960. Estreouse primeiro en Bos Aires e tivo que agardar ata 1962 para poder pasar a censura e chegar ao Teatro Goya de Madrid. Foi traducida a múltiples idiomas e obtivo diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Teatro.