PREMIOS MUJER 2024

Bases do XL Premio Blanco Amor de novela longa

A Xunta de Goberno aprobou o plan de anual de publicacións, cun orzamento de 100.000 euros, e achegas en materia de cooperación a concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia do vicepresidente Rosendo Fernández, aprobou as bases do XL Premio Blanco Amor de novela longa, dotado con 15.000 euros e no que a institución provincial conta coa colaboración da Fundación que leva o nome do escritor ourensán. Na sesión de hoxe tamén se aprobou o plan de anual de publicacións cun orzamento de 100.000 euros, o concurso para a selección de obras para a súa edición ou coedición, e achegas en materia de cooperación a concellos, entidades sociais e o programa EmpredOU por un importe superior a 104.000 euros.

Bases

Na XL edición do Premio Blanco Amor poderán participar persoas de calquera nacionalidade con novelas escritas en lingua galega e inéditas. O prazo para presentar orixinais remata o 14 de setembro, data que coincide co 121º aniversario do nacemento do escritor. Para escoller a obra gañadora, a Deputación e a Fundación Eduardo Blanco-Amor nomearán unha Comisión Lectora que, composta por tres persoas de acreditada experiencia no ámbito literario, puntuará os orixinais antes de ser presentados ao xurado, que á sua vez estará integrado por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega, e que presentarán o seu fallo na segunda quincena de novembro. A entrega do premio, dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica, terá lugar un acto literario organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor o mércores 1 de decembro de 2021, data do 42º cabodano do falecemento do autor de A Esmorga.

Plan anual de publicacións da Deputación 

A Xunta de Goberno tamén aprobou o plan anual de publicacións da Deputación de Ourense, que cun orzamento de 100.000 euros prevé para 2021 a edición de obras cualificadas en dúas categorías. Na primeira inclúense aquelas que recollen a actividade propia dos servizos da Deputación, de autores ourensáns de recoñecido prestixio ou que teñan a consideración de clásicos da cultura galega, así como as que sexan galardoadas nos certames que convoca a Deputación. Entre as dez publicacións previstas figuran, por exemplo, a revista Raigame, o Anuario da Gaita ou a obra que resulte gañadora no XVIII Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez. A segunda categoría corresponde á edición de obras seleccionadas mediante concorrencia competitiva, atendendo exclusivamente a criterios de calidade das obras ofertadas, debendo estar referidas a compilacións, escolmas ou antoloxías de traballos xornalísticos, de divulgación do patrimonio cultural e natural de Ourense, estudos históricos, científicos, xurídicos, obras artísticas, literarias ou musicais. Este mesmo tipo de traballos tamén poderá optar ao concurso de publicacións, cuxas bases de edición ou coedición tamén foron aprobadas.

Ámbito do emprego

No ámbito do emprego, concedéronse catro subvencións por un importe total de 34.200 euros no marco do programa EmprendOU, para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. As achegas teñen como destinatarios catro proxectos nos ámbitos da construción, arquitectura, moda e maquinaria a desenvolver en Oímbra, A Veiga, Celanova e Barbadás, por un valor máximo cada unha delas de 8.550 euros.

Cooperación

En cooperación con entidades sociais, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención a Cruz Vermella de 25.000 euros para gastos de funcionamento en 2021. Para concellos, aprobouse unha achega ao Concello de Beariz de 9.000 euros para a mellora do pavillón de deportes; senllas subvencións de 9.000 euros para os concellos de Cenlle e Punxín para gastos do sistema de bombeo; é unha subvención de 18.000 para o Concello de San Xoán de Río en concepto de cofinanciamento para un proxecto turístico.

Ao remate da Xunta de Goberno celebrouse unha nova reunión, tamén por vía telemática, do Comité de seguimento do COVID-19 na Deputación, para actualizar os datos sobre a pandemia na provincia e sobre o teletraballo que se desenvolve nos distintos centros, instalacións e servizos da institución provincial.