Aberto o prazo para a inscrición no Campamento de Verán do Concello do Barco

O campamento desenvolverase nas instalacións do CEIP Condesa de Fenosa entre o 3 de xullo e o 31 de agosto
Celebración del Día de la Paz en el colegio Condesa de Fenosa. / VD

O martes 6 de xuño comezou o prazo de inscrición no Campamento de Verán Imaxina, conta e crea un mundo con Momo, organizado polo Concello do Barco e a Asociación Vagalume. O curso desenvolverase nas instalacións do CEIP Condesa de Fenosa entre o 3 de xullo e o 31 de agosto próximos, con horario de 10 a 13 horas e opción de ampliar a estancia dos participantes entre as 9 e as 14 horas.

A recollida das follas de inscrición e a súa entrega, unha vez cumprimentadas, pode facerse tanto na Biblioteca Pública Municipal Florencio Delgado Gurriarán como na librería Praxis.

As inscricións, que estarán abertas ata o día 25 de xuño, teñen que ser, como mínimo, por períodos quincenais, cun prezo de 50 euros por cada quince días de estancia e 90 euros polo mes completo. Se os interesados queren ampliar o horario, o custo é de 15 euros por cada hora extra do servizo de garda.

Por agora, non hai prazas limitadas, xa que esperan poder atender todas as solicitudes que se tramiten. O ano pasado, participaron 250 nenos no campamento urbano de verán organizado polo Concello e a Asociación Vagalume, e para o campamento deste ano, espérase unha demanda semellante.

Os nenos participantes estarán atendidos por unha coordinadora e 12 monitores e gozarán de actividades de contos creativos, excursións, obradoiros, manualidades, xincanas, piscina, orientación e xogos en familia.

Campamento verán O Barco