PREMIOS MUJER 2024

A Xunta defende en Bruxelas o impacto positivo dos bosques na economía e para combater o despoboamento

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na 134ª sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na terceira sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) deste 2019 na que, fundamentalmente, se debateu sobre o uso dos fondos estruturais no marco do proceso de coordinación económica entre os Estados membros (Semestre Europeo) e sobre a nova Estratexia Forestal da UE, unha renovación da estratexia vixente que busca favorecer os bosques e os axentes implicados no sector forestal.

Os bosques inciden directamente na economía rural dos Estados da UE ao mitigar os problemas de desemprego e o declive demográfico ao tempo que, dentro da economía verde, supoñen un recurso importante para o turismo e o ocio. Por iso, o CdR considera que os diferentes niveis administrativos deberían cooperar máis entre eles e con outros actores do eido rural (entidades e propietarios privados, ONG…), e que os resultados desta cooperación deberían influír na maneira en que a UE asigna o seu orzamento. O Comité Europeo das Rexións solicitou tamén a mellora e flexibilización do financiamento dentro da Política Agrícola Común, complementada cos fondos económicos dos programas de investigación e innovación da UE e de programas como o Horizonte 2020, LIFE+ ou o Fondo de Solidariedade.

No marco desta renovación da estratexia forestal europea, e tendo en conta estas premisas da cámara, Jesús Gamallo defendeu un maior compromiso coas poboacións rurais e a súa implicación na aplicación das medidas forestais da UE, xunto coa xeración de rendas económicas, como principais ferramentas de freado ao progresivo despoboamento que viven as zonas rurais.

O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta tamén expuxo a importancia do fomento das agrupacións e do asociacionismo forestal, xunto cunha maior cooperación interadministrativa entre os entes locais e rexionais, na busca de sinerxías e na mellora da xestión conxunta do rural. Finalmente, o dirixente galego puxo en valor a silvicultura activa como instrumento de prevención e rápida detección fronte a danos e catástrofes medioambientais. Todas as emendas ao ditame propostas polo director xeral de Relacións Exteriores en representación de Galicia foron finalmente aprobadas.

Debate sobre o futuro orzamento da UE

Os membros do CdR tamén fixeron balance das negociacións sobre o orzamento da UE para o marco 2021-27 e as implicacións financeiras do Brexit nun debate conducido, entre outros, por Jean Arthuis, presidente da Comisión de Orzamentos do Parlamento Europeo.

Esta sesión plenaria contou ademais con outros debates. O primeiro deles, a modo de presentación da iniciativa Cidades e Rexións pola integración dos migrantes, contou coa participación principal de Dimitris Avramopoulos, comisario de Migración, Asuntos de Interior e Cidadanía. O segundo debate versou sobre os dereitos fundamentais e os valores da UE e nel interviñeron, entre outros, Frans Timmermans, vicepresidente primeiro da Comisión Europea e Koen Lenaerts, presidente do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Ademais, aproveitaron esta terceira sesión para conmemorar a Paweł Adamowicz, alcalde de Gdansk e membro do Comité, que morreu asasinado en xaneiro de 2019. O Comité Europeo das Rexións decidiu poñer o nome de Paweł Adamowicz a unha parte do edificio principal do CdR en memoria deste político polaco.

O Comité Europeo das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.