PREMIOS MUJER 2024

A Deputación de Ourense e os concellos de Valdeorras estudan impulsar unha fundación para pór en valor o legado de Delgado Gurriarán

Manuel Baltar destacou hoxe, trala reunión mantida con representantes institucionais valdeorreses, a importancia de seguir desenvolvendo iniciativas "que fagan perdurar no tempo a súa obra e a creatividade literaria e política
Reunión Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) con membros da Fundación Florencio Delgado Gurriarán. Asisiten Alfredo García (Alcalde do Barco de Valdeorras), Enrique Álvarez (Alcalde de Vilamartín de Valdeorras) e Margariza Pizcueta (Concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras).

A Deputación de Ourense e os concellos de Valdeorras exploran a posta en marcha dunha fundación para pór en valor o legado do intelectual Florencio Delgado Gurriarán. Así o confirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo no Pazo Provincial con representantes institucionais valdeorreses, salientando a importancia de seguir desenvolvendo iniciativas que fagan perdurar no tempo a obra e a creatividade literaria e política de Delgado Gurriarán”.

Na reunión con Manuel Baltar participaron o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira de Cultura e Educación deste municipio, Margarita Pizcueta, e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, unha xuntanza na que se valorou o apoio que a Deputación de Ourense vén prestando desde a súa creación ao movemento a prol da figura de Delgado Gurriarán, “un valdeorrés universal”, salientou Baltar, afirmando que entre as propostas analizadas hoxe “figura manter esa liña de cooperación cos concellos da comarca valdeorresa e tamén con entidades privadas e culturais ao redor dunha figura capaz de concitar unanimidade e admiración pola súa produción literaria e pola súa traxectoria humana e profesional”.

O presidente da Deputación comentou que na reunión “falamos tamén de dar un paso máis: de pór en marcha unha fundación que leve o nome de Florencio Delgado Gurriarán, o que sen dúbida contribuirá a manter o seu legado e dotará de maior estabilidade a este movemento cultural, para que entre todos sigamos a celebrar esta homenaxe permanente que debemos render a unha persoa como el, da súa alta condición humana, intelectual e política”, expresou Manuel Baltar.

A Deputación de Ourense vén implicándose desde fai anos nesta labor didáctica, de lembranza e difusión do que significou Delgado Gurriarán, un escritor que o presidente Baltar cualifica como “cantor de Galicia e defensor da galeguidade”, polo papel protagonista que tivo na intelectualidade galega e nos movementos galeguistas do século XX.

Florencio Delgado Gurriarán, neu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) en 1903 e finou en Fair Oaks (Estados Unidos) en 1987. Licenciado en Dereito, exerceu como avogado no Barco de Valdeorras. En 1933 ingresou no Partido Galeguista. Trala Guerra Civil marchou como exiliado a México, país no que se estableceu definitivamente, aínda que realizou varias viaxes a Galicia: en 1968, 1976 e 1981. Foi un dos fundadores da revista Vieiros, e membro correspondente da Real Academia Galega. A súa obra intégrana os libros: Bebedeira, 1934; Galicia infinda, 1963; Cantarenas. Poemas (1934-1980), 1981; O Soño do Guieiro, e Opúsculos de poesía, 1986.